• No results found

Analysis of Adding Network Information to PV-DM Based Em-

2.3 Linked Document Embedding for Classification

5.2.4 Analysis of Adding Network Information to PV-DM Based Em-

Todo ser humano é vulnerable por natureza. O cansazo, a debilidade, a enfermidade e a morte son fenómenos comúns a todos os seres humanos. Pero esa vulnerabilidade consubstancial e universal é maior cando concorren algunhas circunstancias que poden ser conxénitas, froito do azar, do estilo de vida, dunha decisión máis ou menos libre, ou das condicións do contexto (Bellver, 2005, 94-99). Inicialmente, as reflexións sobre xustiza e vulnerabilidade apuntan a situacións, transitorias ou permanentes, nas que se poden atopar persoas ou grupos, en tanto que xeran ou son debidas a inxustizas sociais e/ou estruturais (Agra, 2013, 49-52). A vulnerabilidade fai referencia a situacións de desvantaxe social, de pobreza, de desigualdades sociais, de precariedade, e apunta á inestabilidade ou á carencia de recursos, situacións ou circunstancias que ben se perciben como transitorias ou ben como parte dunha estrutura económica e social inxusta cunha evidente deriva cara a exclusión social.

Pero vulnerabilidade e dependencia son trazos propios da natureza humana, esenciais ao ser humano en calquera momento do ciclo vital, e a súa negación manifesta “...unha incapacidade de recoñecer a importancia da dimensión corporal da existencia, ou de rexeitar dita dimensión” (MacIntyre, 2001, 19). Por iso tamén o nacemento, infancia, enfermidade, discapacidade, vellez, morte,... remiten á vulnerabilidade humana e esixen prestar atención á súa relación coa(s) estrutura(s) da xustiza e dos coidados. “A vulnerabilidade física e psíquica das persoas, mulleres e homes de todas as idades e condicións fainos absolutamente interdependentes e nos obriga a establecer relacións mutuas de coidados” (Carrasco, 2014/15, 52).

Dende o punto de vista ético, coidar é recoñecer na outra persoa a súa dignidade e a súa diferenza (Barbero, 1999, 125-159), pero tamén a súa semellanza, é dicir, as súas necesidades. A tarefa de coidar pode ter moitas definicións e matices: potenciar a autonomía funcional, sociocultural e moral do ser humano, acompañar, humanizar a relación profesional,... A ética do coidado fundaméntase na capacidade de dar resposta á vulnerabilidade da outra persoa, ás súas necesidades.

Coidar implica distintas responsabilidades (Barbero, 1999, 125-159). Aos profesionais esíxelles revisar coñecementos, adestrar e supervisar as distintas habilidades e destrezas, e analizar actitudes de fondo que están a influír nos procesos de intervención coa persoa usuaria. De cara ás persoas usuarias, o coidado contemporáneo supón o recoñecemento da dignidade que lles pertence e unha relación baseada na liberdade e na participación activa da persoa (aínda que non sucedía deste xeito nun modelo de coidado tradicional-paternalista).

Estas implicacións son coherentes co enfoque das capacidades e dos funcionamentos seguros, que veñen enriquecendo a ética da xustiza coa linguaxe da ética do coidado, subliñando de maneira especial a dimensión activa da persoa e a súa dimensión comunitaria. Incidindo ademais no coidado por xustiza, e non por solidariedade, tal e como se recolle nunha das capacidades que Wolff e De Shalit (2007, 187-191) achegan á listaxe inicial de Nussbaum: facer o ben aos demais, ser quen de coidar aos demais como parte da humanidade, e ser quen de mostrar gratitude (cfr.infra, cap.2, apdo.1.6.1).

A solidariedade implica axuda e xenerosidade. É un comportamento que non pode ser imposto mediante institucións ou normas xurídicas porque é un movemento enfocado ás demais persoas que dá máis do esixido, chegando a transcender o mínimo xusto para acadar o máximo humano (Seoane, 2012, 11-45). A solidariedade é un apoio ante os defectos e os erros das nosas sociedades coas persoas que están en situacións de desvantaxe social e indica a sensibilidade moral da sociedade. Mais o decisivo é transformar os deberes de solidariedade en deberes de xustiza, é dicir, escindir a solidariedade como axente das respostas xurídicas e sociais dando ás persoas o que lles corresponde, que é o recoñecemento e o respecto da súa dignidade e liberdade, ao igual que o resto da cidadanía, porque o xusto é unha vida digna e de calidade.

A preocupación pola vulnerabilidade está no núcleo central da bioética, e de feito, dende a perspectiva dos principios europeos da bioética, desenvólvese no ano 1998 unha proposta no marco da Unión Europea, liderado polo Centro de Ética e Dereitos de Copenhague. Os resultados do traballo publícanse baixo o título Basic Ethical Principles in european Bioethics and Biolaw, no ano 2000, no que se desenvolven de modo incipiente catro principios fundamentais que poden resultar contrapunto interesante aos famosos principios da bioética fundamental de corte norteamericano, desenvolvidos por primeira vez por Beauchamp e Childress. Os principios propostos son os seguintes: vulnerabilidade, dignidade, autonomía e integridade, sendo a vulnerabilidade a

característica fundamental da intervención, e os seres vulnerables aqueles nos que os principios de autonomía, dignidade ou integridade corren o risco de seren ameazados ou violados (Kemp e Rendtorff, 2005, 921-929).

Existen principalmente dous enfoques para comprender a vulnerabilidade (Rogers, Mackenzie e Dols, 2014, 3149-3153): unha visión universal na que a fraxilidade humana xorde da corporalidade e á vez estaría ligada á natureza das persoas; trataríase dunha vulnerabilidade común a toda a humanidade. En contraste, un segundo enfoque argumenta que a vulnerabilidade é esencialmente relacional, e a pesar de que todo o mundo está potencialmente exposto ás ameazas, algunhas persoas ou grupos non teñen capacidade para protexerse a si mesmos; dende este punto de vista, as persoas vulnerables son soamente as que posúen menor capacidade para salvagardar os seus intereses respecto das outras persoas.

Ambos enfoques, o universal e o específico, son obxecto de valoración. As críticas do enfoque universal afirman que ao ampliar a categoría de vulnerabilidade para case todo o mundo escurécese o contexto das necesidades específicas de determinados grupos ou individuos. As críticas do enfoque das poboacións vulnerables formulan dúas obxeccións principais: unha fai referencia aos riscos de etiquetar e estigmatizar ás persoas e grupos, excluíndoos de maneira inxustificable da toma de decisións; e a outra, alude á comprensión da vulnerabilidade en termos da capacidade para dar consentimento informado, tendo soamente en conta a autonomía decisoria da persoa. Sería polo tanto un enfoque demasiado estreito para a bioética e non tería en conta a totalidade das cuestións éticas formuladas pola vulnerabilidade.

Poden sinalarse tres fontes de vulnerabilidade entrelazadas entre si e que fundamentan unha análise que combina a universalidade e os contextos específicos (Rogers, Mackenzie e Dols, 2014, 3149-3153). Trátase das fontes inherentes, das fontes situacionais e das fontes patóxenas. En moitas ocasións, a fonte de vulnerabilidade intrínseca orixina que a persoa sexa máis susceptible de vulnerabilidade situacional; é o caso, por exemplo, dunha persoa con discapacidade cognitiva que pode estar en situación vulnerable debido ás limitadas oportunidades de emprego. E por outro lado, algunhas situacións de vulnerabilidade están causadas por disfuncións nas relacións ou por estruturas sociais caracterizadas por inxustizas como a dominación, a opresión ou o abuso.

O Informe sobre a Vulnerabilidade Social 2013, editado por Cruz Vermella (Malgesini, coord., 2014, 15-19), realiza unha análise descritiva das persoas en situación de vulnerabilidade, persoas que acoden aos servizos de Cruz Vermella en busca de apoio ante diversas dificultades sociais, económicas, persoais, familiares e/ou de vivenda. O Informe toma como base ás persoas que participan nos diversos programas de intervención social: nenos e nenas, mulleres en situación de dificultade social, inmigrantes, persoas maiores, persoas que participan en programas de loita contra a pobreza, ou de atencións ás drogodependencias, etc.

Velaquí o perfil xeral das persoas en situación de vulnerabilidade social atendidas por Cruz Vermella no Estado español ao longo do ano 2012 (a información xeral procede do rexistro persoal da base de datos de Cruz Vermella) é o seguinte (Malgesini, coord., 2014, 28):

Cadro 3: Perfil das persoas en situación de vulnerabilidade social atendidas por Cruz Vermella no Estado español no ano 2012 (Malgesini, coord., 2014, 28).

Sexo O 59,5% son mulleres.

Idade Algo máis da metade das persoas (58,1%) está en idade activa (entre 18 e 65 anos).

Hai unha elevada porcentaxe de persoas maiores de 65 anos (41,9%).

A media de idade é de 57,2 anos.

Fillos e fillas A maioría ten 1 ou 2 fillos/as, pero un 25% son familias numerosas (3 ou máis fillos/as).

Orixe O 65,5% das persoas teñen nacionalidade española.

As áreas de orixe das persoas estranxeiras son, por peso porcentual: Magreb, América Latina, África Subsahariana e Europa do leste. O país de orixe predominante é Marrocos (27,3% do total das persoas estranxeiras).

Estado civil O 49% son persoas casadas ou viven en parella. O 28% son persoas solteiras.

Situación ocupacional

A gran maioría das persoas están en situación de desemprego (67,2%).

O segundo grupo, en número, son as persoas xubiladas (21%).

Estudos A maioría das persoas teñen estudos secundarios (43,5% do total) e o 7,8% universitarios.

O nivel educativo das mulleres é algo superior ao dos homes.

É moi importante que as persoas profesionais que proporcionan a atención e apoio social sexan coñecedoras das posibles fontes de vulnerabilidade de cada persoa usuaria, considerando á persoa na súa globalidade. A resposta á vulnerabilidade evitará ademais a utilización de estereotipos, de discriminación e paternalismo inxustificado, debendo estar guiada pola obriga xeral de promover a autonomía, sempre que sexa posible (Rogers, Mackenzie e Dols, 2014, 3149-3153). É moi relevante valorar a calidade das decisións á hora de promover a autonomía e de superar as dificultades que xorden nun contexto no que a capacidade de decisión das persoas está diminuída. Tomarse en serio a autonomía das persoas usuarias é facer todo o necesario para acompañar ás persoas usuarias, contribuíndo a que as súas decisións sexan o máis meditadas, prudentes e razoables que sexa posible (Arrieta, 2012, 27-32). E este será o camiño na intervención social, fomentar o empoderamento das persoas e o sentido de ser suxeitos axentes (cfr.supra, cap.1, apdo.1).

Continuando na mesma liña, a exclusión social non pode reducirse unicamente como pobreza económica. Un achegamento poliédrico á exclusión social implica que: “A exclusión social é unha acumulación de barreiras e límites que deixan fóra da participación na vida social maioritariamente a quen as padecen. Deste xeito a pobreza converteuse nun termo máis restritivo, referido especificamente aos aspectos económicos, mentres que o concepto de exclusión é máis amplo e toma en consideración outras situacións, como son a pobreza económica extrema (...), as grandes dificultades de acceso ao emprego (...), o acceso moi limitado á educación (...), as dificultades para facer efectivo o dereito á saúde (...), a falta de acceso a unha vivenda digna (...), e as grandes dificultades no ámbito das relacións familiares e sociais (...)” (Roldán, García e Nogués, 2013, 123).

A exclusión social é produto de distintas causas e manifestacións, e susténtase en varios factores que conflúen entre si (García Roca, 1995, 9-15). O primeiro factor é o sistema, a insuficiencia de recursos, a dimensión estrutural da exclusión (factores laborais, económicos, dinamismos estruturais e de protección social,... en relación ao momento histórico concreto); o segundo factor é o contexto (cultural, de relacións, é dicir, vínculos familiares, fraxilidade ou fortaleza das redes sociais,...); e o terceiro factor é o propio suxeito (factores biosociais, dinamismos vitais, como por exemplo enfermidades, frustracións, discapacidades, confianza, identidade, motivacións,...). Calquera destes tres vectores pode ser a vía de acceso a unha situación de exclusión, pero ademais, habitualmente, os tres xustapóñense, retroaliméntanse. Esta ordenación

de causas e manifestacións de factores de exclusión responden aos tres niveis de análise que se teñen en conta ao longo de todo o texto: macrosistema, mesosistema e microsistema.

Unha proposta de análise dos procesos de exclusión social (Sarasa e Sales, 2009, 543-568), ten en consideración o ciclo vital da persoa xunto a unha metodoloxía de estudo da exclusión social dinámica e multidimensional. Nunha primeira fase, identificaríase en cada etapa do ciclo vital da persoa cales son os grupos sociais que soportan algunha privación da que carece a maioría dos cidadáns e cidadás situados no mesmo momento vital. Desta maneira recoñécense situacións de privación referidas a recursos e bens básicos, pero non se identifican procesos de exclusión social. Unha segunda fase de análise permitiría establecer as interaccións e as secuencias temporais de cada dimensión estrutural/institucional que conducen á privación xa identificada. De aquí a importancia da análise lonxitudinal do curso vital das persoas, dado que a maneira en que cada quen se enfronta a situacións críticas ao longo da vida está condicionado polas experiencias previas, o desenvolvemento das súas capacidades e a solidez das súas redes sociais e familiares.

Existen, polo tanto, unhas causas xenéricas da exclusión que están en relación con factores estruturais e institucionais, e tamén se dan circunstancias excluíntes nas situacións específicas de cada persoa. Unha análise da exclusión social terá que integrar os factores causais individuais, os ambientais e os sociais, e concretamente o enfoque da metodoloxía do ciclo vital axuda a ter en conta todos estes factores. “Este enfoque non soamente permite integrar coñecementos de diferentes disciplinas, senón que nos permite analizar o carácter dinámico que é intrínseco ao concepto de exclusión social, partindo sempre do suposto de que as características individuais interaccionan coas contextuais, formando secuencias de acontecementos e transicións que poden levar a diferentes estadios da exclusión social” (Sarasa e Sales, 2009, 564).

As desigualdades sociais e económicas determinan a propia saúde e o benestar (cfr.infra, cap.2, apdo.1.4), e deste xeito as necesidades e os procesos de exclusión nos que interveñen os servizos sociais van máis aló da precariedade económica e abranguen as áreas da saúde e hixiene, o traballo, a vivenda, a educación, a formación, as relacións sociais, etc. (De la Red e Conde, 2008, 107-144). Por este motivo non son acaídas as intervencións illadas dende os subsistemas de saúde, educación ou cultura, porque na maioría das ocasións os problemas afectan de xeito interrelacionado.

Satisfacer as necesidades básicas supón polo tanto atender ás fisiolóxicas e biolóxicas, tales como comida, roupa, acubillo, auga, atención sanitaria, é dicir, cousas que son necesarias para previr a mala saúde ou a desnutrición nos contextos concretos, pero ademais cómpre satisfacelas de maneira que quede protexida a autoestima, e incluír tamén algunhas necesidades que non son puramente fisiolóxicas, como a autodeterminación, a confianza en si mesmo e a seguridade, a participación de traballadores/as e cidadás/cidadáns nas cuestións que lles afectan, a identidade nacional e cultural, a necesidade de sentido e de propósito na vida e no traballo (Cortina, 2002, 172-176).

A noción de vulnerabilidade no ámbito social decotío vai vinculada ao termo de exclusión social, non como sinónimo, senón coma un continuo dimensional no que nun dos extremos se sitúa a exclusión e/ou a marxinación, e no outro, a inclusión. Isto implica que coñecer as situacións de desvantaxe social e os factores que a poden estar causando, favorecerá o desenvolvemento de alternativas razoables e seguras de intervención social, evitando sacrificar outras capacidades, co fin de proporcionar unha vida acorde coa dignidade dende a perspectiva da xustiza (cfr.infra, cap.2, apdo.1.6.1).

No seguinte cadro recóllense algunhas mostras de posibles situacións da vida das persoas que as sitúan en momentos moi diferentes da súa existencia e con maiores probabilidades de experimentar situacións de sufrimento persoal e social. Estas circunstancias requiren polo tanto, unha intervención específica, individualizada e contextualizada dende os servizos sociais, co fin de garantir os medios para que a persoa sexa quen de desenvolver o seu proxecto vital, de elixir e actuar ao longo do tempo, asegurando ademais o mantemento das capacidades coa intención de que a persoa desfrute dunha vida acorde coa dignidade (Wolff e De-Shalit, 2007, 63-73; cfr.infra, cap.2, apdo.1.6.1).

Cadro 4: Identificación de posibles situacións de exclusión, vulnerabilidade e inclusión na vida das persoas (adaptación do elaborado por De la Red e Conde, 2008, 126).

Situación de exclusión Situación de vulnerabilidade Situación de inclusión

Desemprego

Escasas posibilidades laborais

Emprego temporal

Emprego con risco de perda Dificultade para atopar emprego

Emprego estable

Oportunidade para atopar emprego

Dificultade na satisfacción das necesidades básicas

Ingresos inestables Ingresos escasos

Condicións económicas suficientes e constantes

Illamento social Relacións limitadas

Relacións inestables

Relacións sociais amplas e integradas

Dificultade para buscar o sentido da vida

Inseguridade social Participación social activa

Problemas de autonomía Carencia de apoios Situación de benestar

Related documents