CHAPTER 4: Global Proteomic Analysis of Functional Compartments in
4.5 Conclusion
Co obxectivo de analizar a complexa relación entre a obra literaria como medio de memoria cultural e o contexto da cultura da memoria en que esta aparece, tanto Ansgar Nünning (2010) como Astrid Erll (2011: 152–56) empregan e reformulan a teoría do
“círculo da mímese” de Paul Ricoeur (2004), baseado no concepto de mímese aristotélico, segundo o cal a creación literaria do mundo se basea en procesos dinámicos de transformación que teñen lugar en tres niveis: a prefiguración do texto (mímese I), a configuración textual (mímese II) e a refiguración realizada polo lector (mímese III). O feito literario preséntase neste modelo como un proceso activo e construtivo en que toman parte sistemas culturais de significación, procedementos propiamente literarios e prácticas de recepción, e no cal a realidade non é meramente representada nas obras senón, sobre todo, creada. Segundo Erll, a aplicación desta teoría pode axudarnos a dilucidar o modo en que a literatura constrúe versións do pasado, a relación entre o texto literario e os contextos socioculturais do recordo –e do esquecemento– ou os diferentes
aspectos que cómpre termos en conta ao falarmos da “creación literaria da memoria
cultural” (Erll 2011: 152).
A aplicación do círculo ricoeuriano ao estudo da memoria cultural entende que os textos son, en primeiro lugar, prefigurados pola cultura da memoria en que xorden; quere dicir, vense influídos por un contexto extraliterario que comprende contidos, formas, medios e prácticas da memoria colectiva. Como veremos que sucede no caso da narrativa memorialista galega, a literatura, anota Erll (2011: 153), a través das referencias que constitúen o repertorio textual, actualiza elementos que anteriormente non eran –ou non
podían ser– percibidos, articulados e recordados na esfera social. O segundo nivel estaría constituído pola configuración literaria, un proceso no cal “elements of cultural memory
are separated from their original contexts and can be combined and arranged in novel
ways, into new and different memory narratives” (Erll 2011: 154): as versións do pasado
constrúense no texto literariamente, elabóranse a través da perspectivización, a voz narrativa, a combinación epazotemporal e outros recursos como metáforas e símbolos. Finalmente, a recepción dos textos por parte da comunidade supón unha refiguración colectiva da memoria nun momento determinado, influíndo as novelas na comprensión
89
do pasado que unha sociedade ou grupo social ten, tal e como corresponde aos medios de memoria cultural.
No entanto, como xa anotara Ricoeur (2004), só a configuración do texto literario é accesíbel para nós a través da análise das novelas,86 xa que dificilmente podemos coñecer a medida en que contribúen as obras literarias contemporáneas a moldear as memorias individuais e culturais, así como o seu efecto real sobre as culturas da memoria concretas. Por conseguinte, o interese fundamental que teñen suscitado os estudos de memoria entre os especialistas da literatura baséase no nivel da configuración, concretamente en analizar, tal como Rigney ten sinalado,
como é que o meio da escrita modela a recordação ao privilegiar certos aspectos em detrimento de outros, como é que estrutura a informação de certa maneira, e como é que incentiva os leitores a reflectirem sobre a sua própria posição relativamente aos eventos apresentados (Rigney 2016: 163).
Aínda que Erll (2011: 160) anota que para definir as funcións da literatura como medio de memoria sería necesario partir da refiguración ou, por outras palabras, da forma en que os lectores se apropian dos textos literarios desde a súa recepción –pois só aí se
volven socialmente efectivos os medios de memoria–, a autora defende que unha análise
da configuración textual, dos trazos internos que presentan as novelas, pode levar a extraer importantes conclusións a respecto do seu funcionamento como medios de memoria no seu contexto sociocultural específico.
Consonte o anterior, a análise narratolóxica dos textos tórnase en vía fundamental tanto para atendermos o nivel da configuración textual canto para coñecermos o potencial
efecto das novelas sobre a memoria cultural: “narratological approaches might provide
insights into how exactly versions of the past are created, how concepts of identity are
conveyed, and how values and norms are inscribed into these ‘cultural texts’” (Erll 2009:
219). Desde unha perspectiva narratolóxica, afirma Erll (2011: 157), a totalidade das leis
86 Segundo Erll (2011: 156), desde a perspectiva dos estudos de medios, a prefiguración e a configuración
dunha obra literaria poden ser observadas nas formas en que esta ten sido premediada e remediada, de acordo co explicado no apartado anterior: “Refiguration manifests itself in remediating activities such as intertextuality and different forms of intermedial references (film adaptation, digitalization, and so on). A literary text's premediation is more difficult to pin down, but clues as to the media schemata which might have prefigured the text can be found by looking at earlier media representations which display, for example, similar narrative patterns and rhetoric strategies”.
90
internas do texto pode ser denominada como o seu “potencial narrativo”,87 un trazo
puramente textual cuxa análise, de o reformularmos nos termos do modelo de Paul Ricoeur, pode permitirnos extraer hipóteses sobre a refiguración do texto –a súa
realización os seus efectos e funcións na cultura (mímese III)–, ben como sobre a súa
prefiguración –os horizontes en que se produce e os retos a que responde (mímese I)–.
Tales hipóteses, en combinación cun sólido coñecemento histórico, achegan unha visión da función que a literatura realiza na cultura e, a partir desas premisas é que podemos falar do “potencial mnemónico” ou “mnemotécnico” dun texto literario, materializado na
mímese de nivel II, quere dicir, na configuración do mesmo.
Con ese obxectivo é co que Erll formula a súa “retórica da memoria colectiva”
(Erll 2008, 2009, 2011), método –que trataremos de bosquexar no apartado seguinte– con
que pretende describir o potencial mnemotécnico das obras literarias a partir da análise da súa configuración narrativa. De acordo coa autora, non só o contido determina o tipo de memoria cultural que as novelas producen e fan circular, senón que tamén as características formais combinadas nunha obra constitúen un modo específico de representar o pasado que condiciona definitivamente a clase de memoria producida. Porén, é evidente que unha correlación inequívoca entre a forma literaria e a función mnemónica se torna imposíbel e varía enormemente dependendo do contexto (Erll 2011: 159). Neste sentido, concordamos con Erll en que unha narratoloxía sensíbel ao contexto, que tome en consideración os contidos, formas, medios, prácticas e ideoloxías historicamente e culturalmente variábeis da memoria cultural se volve absolutamente necesaria na alianza dos estudos da memoria coa análise narratolóxica,88 e será imprescindíbel para atendermos ao obxecto que aquí nos ocupa.
Tal alianza, por unha parte, xorde da consideración de que as formas literarias teñen significado por si mesmas, isto é, son formas semantizadas e non só depositarias neutras de contido (Erll 2011: 159) e, por outra, require dun enfoque narratolóxico contextual e cultural que vaia máis alá do estruturalismo clásico e dirixa a súa atención cara ao que Mieke Bal (1999a) denominou “análise cultural”. Como sinala Ansgar
Nünning (2009: 50), na era da investigación interdisciplinar, a utilidade da narratoloxía
87 Erll (2011: 157) segue a Roy Sommer (2000) ao definir o potencial narrativo dos textos de ficción como
“an assumption substantiated by the text regarding the possible effects of the narrative strategies which
structure and organize its content and are thus essential for its meaning”.
88 A autora ten insistido en máis dunha ocasión na necesidade de a narratoloxía e os estudos da memoria
cultural se complementaren para se beneficiaren mutuamente, como tenta demostrar a súa teoría sobre a concepción da novela como medio predilecto de memoria cultural (Erll 2009: 213; 2011: 157).
91
aumentaría considerabelmente tendo en conta os contextos e as análises culturais, ao tempo que as interpretacións contextuais da narrativa gañarían aplicando as categorías cubertas pola narratoloxía. E, neste sentido, a actual diversificación da disciplina narratolóxica vén mostrando un crecente interese polas formas e as funcións da narrativa dentro das culturas, desprazando á análise meramente sistemática e formalista das narracións (Nünning 2009: 58). Aliás, os novos enfoques que Nünning subsume baixo o
paraugas do termo “narratoloxía contextualista” teñen demostrado, segundo a autora,
that the application of narratological categories, models and methods to a context- sensitive analysis and interpretation of narratives can yield fruitful results, throwing new light, for instance, on the cultural specificity of narrative forms, as well as forms of memory and remembering (Nünning 2009: 56).89
Como sinala Liikanen (2015: 39), entre as ramas máis relevantes da narratoloxía posclásica xurdidas nos últimos anos, destaca a denominada narratoloxía cultural desenvolvida por Gabriele Helms (2003) e a xa citada Ansgar Nünning, entre outras e outros especialistas. Partindo da suposición de que unha análise das formas narrativas pode arroxar luz sobre as implicacións ideolóxicas e epistemolóxicas das novelas, a narratoloxía cultural tenta cruzar a fronteira entre o formalismo textual e o contextualismo histórico, pondo o conxunto de ferramentas metodolóxicas desenvolvido pola narratoloxía ao servizo das interpretacións contextuais das novelas (Nünning 2009: 60-
61). Alén diso, en palabras de Helms (2003: 7), “a cultural narratology would enable us
to recognize that narrative techniques are not neutral and transparent forms to be filled with content, and that dialogic relations in narrative structures are ideologically
informed”. E tal enfoque implica, por tanto, que as técnicas formais non son só analizadas
como trazos estruturais dun texto, senón como modos narrativos que están moi semantizados e que participan no proceso de construción cultural (Nünning 2009: 62).
En síntese, o que pretende demostrar o enfoque cultural-narratolóxico que aquí empregaremos é, por un lado, que contexto, contido, forma e técnica narrativa están estreitamente entrelazados, e, por outro, que calquera historiador ou crítico literario ou cultural que desexe abordar cuestións éticas, ideolóxicas ou políticas desenvolvidas en ou por obras narrativas pode beneficiarse da aplicación da caixa de ferramentas que ofrece a
89 Nünning entende por narratoloxía contextualista “a kind of integrated approach that puts the analytical
92
narratoloxía (Nünning 2009: 63). Con base nisto, Erll, como Nünning,90 realiza unha proposta tipolóxica de modos narrativos nas obra literarias, analiza a semántica desas formas e determina, a partir delas, as funcións que os textos realizan no seu propio contexto cultural. Combinando a narratoloxía cultural cos estudos de memoria, Erll suxire un método que permita revelar o potencial mnemónico das formas narrativas na súa relación coa cultura que as xera: a xa aludida retórica da memoria cultural ou colectiva.