2.3 Linked Document Embedding for Classification
4.2.1 ArXiv Content Extraction
7.1. Significado
Son moitas as transformacións sociais contemporáneas. Entre elas, a situación social de crise económica e a diminución da protección social, que ameazan con xustificar calquera medida co razoamento do mercado. Unha intervención social xenuína ten que partir da análise da situación económica actual e das súas consecuencias devastadoras no ámbito social, con serias repercusións no benestar das persoas e con graves consecuencias para o funcionamento do Sistema de Servizos Sociais nos distintos territorios do Estado. Neste momento, as persoas xa non están motivadas polos seus intereses sociais e económicos, senón pola vontade de defender os seus dereitos, de basear o seu desexo de liberdade e de xustiza na conciencia de seren suxeitos humanos. Porén, nesta época da economía global e do individualismo exacerbado, rómpese co modelo de integración, como recollía o VII Informe FOESSA (Lorenzo, 2014), e desaparece o sistema no que os comportamentos de todas as persoas valorábase en función das necesidades da sociedade.
Para referirse á sociedade actual, Touraine emprega a metáfora dunha cidade bombardeada que, aínda vulnerada, segue a existir. Os vínculos entre a economía e a sociedade están rotos debido á crise da globalización económica (Touraine, 2011, 122- 123). A separación entre o sistema económico, sobre o que non se pode exercer un control real, e a vida cultural e política pon en xogo os principios de liberdade e xustiza e vén significando o fin do social. E unha das principais consecuencias desta separación é a exclusión crecente dos axentes sociais. Para representar o cambio que está sucedendo neste momento histórico o autor utiliza a expresión “fin do social”, avanzando unha denominación, tal e como se fixo por exemplo no século XVIII ao falarse de sociedade industrial, cando a produción agrícola aínda desenvolvía unha función importante.
E deste xeito, a imaxe do universo das relacións sociais para representar á sociedade substitúese pola oposición entre o poder dominante da economía e a referencia aos dereitos da persoa. O espazo de vida colectiva está á vez condicionado pola afirmación dos dereitos dos individuos e polos efectos destrutores do sistema económico globalizado. Mais curiosamente, a mesma sociedade destruída polas especulacións monetarias e os intereses individuais concede un maior espazo á expresión dos dereitos persoais e colectivos. Neste tempo de crise, o que volve
humanos ás persoas defínese, cada vez menos na sociedade actual, en termos sociais (Touraine, 2011, 128-131). Porén, o mundo de ausencias, rexeitamentos e soidade, de non participación no mundo económico e de insubmisión das obrigas sociais conduce frecuentemente á desocialización. O fin do social provoca a transformación de todos os aspectos da vida colectiva e persoal, e toma gran relevancia a idea de desenvolvemento sostible, porque emana da toma de conciencia da necesidade de reconstruír as institucións capaces de controlar a vida económica en nome dos dereitos de orixe ético.
O problema fundamental consiste en reinventar unha vida social onde tome relevancia a persoa e os seus dereitos (Touraine, 2011, 133-137). E soamente a través de leis e regulamentos que defendan os dereitos humanos, a xustiza e a liberdade, sen caer na neutralidade axiolóxica, poderá frearse o desenvolvemento do egoísmo económico. A proposta de Touraine (2012, 137-140) consiste en identificar as condicións para alumear unha orde económica e institucional que respecte, por riba de todo, os dereitos universais. Concretamente sinala a necesidade de formular valores comúns, crear unha nova vida social baseada na consolidación dos dereitos universais das persoas, reconstruír todas as institucións sociais e poñelas ao servizo do salvamento da Terra. Sería en definitiva, destacar a importancia duns principios máis éticos que sociais, en oposición ao dominio económico.
7.2. Outras propostas
As políticas de austeridade que vén desenvolvendo a UE, coas súas reducións en servizos sociais e benestar, son incompatibles cos propósitos da Estratexia Europea 2020, que se centra en cinco obxectivos vinculados ás áreas de emprego, innovación, educación, cambio climático/enerxía e redución da pobreza, sendo o obxectivo cinco: “Loitar contra a pobreza e a exclusión social, reducindo ao menos en 20 millóns o número de persoas en situación ou risco de pobreza e exclusión social” (http://ec.europa.eu/europe2020/index_es.htm). Para garantir a realización da Estratexia Europea 2020 créase un sistema de gobernanza económica que coordina as medidas políticas entre a UE e as administracións nacionais. Até o momento, as políticas de inclusión social da UE teñen demostrado a debilidade estrutural e a subordinación ás políticas de austeridade, e a súa eficacia limitada transmite incerteza sobre o futuro. Descoñécense os resultados que se poderán acadar coa Estratexia Europea 2020.
O que verdadeiramente identifica ás situacións máis intensas de exclusión é a acumulación de problemáticas sociais vinculadas con distintos ámbitos, como son o mundo laboral, a saúde física e mental, a educación, as cargas familiares non compartidas, os problemas relacionados coa vivenda ou a conflitividade das relacións sociais. Este factor acumulativo que caracteriza á exclusión lexitima a existencia de respostas sinérxicas que inclúan recursos que dependan de distintos niveis das administracións públicas (Pérez, 2010, 106-110).
A incorporación da lóxica da mercantilización e da deslocalización aos servizos sociais converte en mercadoría os dereitos das persoas e as prestacións públicas (Roldán, García e Nogués, 2013, 91-95). É preciso realizar un proceso de reflexión que permita elaborar unha estratexia de reorientación do Sistema Público de Servizos Sociais, o que suporía fuxir da improvisación e formular algunhas cuestións chave do Sistema en relación coa sostenibilidade, a suficiencia, a calidade e a equidade (Roldán et al., 2013, 73-74).
A mellora da coordinación e mesmo a reorganización dun Sistema Integrado de atención sanitaria e social repercutirían positivamente non só na eficacia da xestión e planificación, senón tamén na atención ás necesidades de cada unha das persoas usuarias de ambos os dous sistemas, o sanitario e o social. E nos dous casos, os esforzos deberían estar dirixidos cara a promoción da autonomía persoal e non soamente ao coidado da enfermidade e a atención á dependencia (Jiménez-Martín et al., 2011, 393-403). Se a coordinación do sistema sanitario e o social é froito do envellecemento da poboación, “...igualmente a inserción laboral das persoas sen recursos está a requirir a coordinación entre os servizos sociais e os de emprego, tal e como poñen de manifesto os programas de rendas mínimas das Comunidades Autónomas” (Rodríguez Cabrero, 2011, 155).
Nesta mesma liña, unha iniciativa innovadora apunta á consideración dos determinantes sociais da saúde. Así, unha das claves de progreso en políticas sociais podería ter que ver con pensar conxuntamente elementos da política sanitaria, da política de servizos sociais e da política de vivenda, co fin de buscar sinerxías entre elas (Fantova, 2014, 411-414). De maneira específica, a reorientación da política de vivenda consistiría en deseñar, experimentar e promover diferentes alternativas para dar resposta ás necesidade de aloxamento combinables con diferentes servizos sanitarios e sociais domiciliarios, comunitarios e virtuais. Estase a falar de rehabilitación, aluguer, sostenibilidade ecolóxica, accesibilidade e bens comúns.
Hai propostas que suxiren anticiparse á saída da crise construíndo modelos de integración social con base máis sólida (Laparra e García, 2010, 81-83). Isto significa, por un lado, dotar ás persoas de máis capacidades e instrumentos para previr posibles procesos de deterioro, e polo outro, ampliar os itinerarios positivos de integración social e laboral, incluso en contextos nos que o mercado de traballo se presenta pouco dinámico.
Non se trata entón de integrar completamente os sistemas ou as redes institucionais, pero si os procesos de atención, sen fragmentar ás persoas. Cómpre ofrecer un servizo integral e de calidade, dende diferentes unidades e profesionais, que se coordinan de forma cooperativa (Jiménez-Martín et al., 2011, 337-342).
7.3. Conclusión
Todo o exposto até o momento cobra sentido ao ser analizado dende a perspectiva dunha intervención social que, creando sinerxías entre as diferentes institucións e axentes implicados, promove a autonomía das persoas e facilita os apoios necesarios para que cada quen poida acadar o seu benestar.
A reconstrución do social implica deter a espiral actual de inxustiza e tentar que a mesma economía estea ao servizo das persoas e do ben común. Isto esixe a creación de nova argamasa que facilite o vínculo entre a economía e a sociedade. É dicir, o desenvolvemento sostible dunha sociedade máis xusta e respectuosa coa liberdade das persoas vencella ás institucións encargadas do benestar coa ética e tamén coa economía, a partir do recoñecemento dos dereitos da cidadanía.
A necesidade de transformación social baseada en novos parámetros vén sendo, polo tanto, a ligazón entre a ética social e a realidade do contexto socioeconómico actual. En definitiva trátase de recuperar o social dende os dereitos humanos e dende a ética. Por todo isto cómpre xerar un humanismo respectuoso coas esixencias de todos os seres humanos, crear institucións con novos valores e transformar a idea xeral de respecto polos dereitos humanos en novas formas, vivas e non soamente xurídicas, de relacións sociais.