2.3 Linked Document Embedding for Classification
4.2.2 arXiv References
A dignidade humana identifícase coa propia noción dos dereitos humanos, sendo ao longo da historia, e tamén na actualidade, o punto de referencia de todas as facultades que se dirixen ao recoñecemento e afirmación da dimensión moral dos seres humanos (Pérez Luño, 2010, 581-595). En cada momento histórico a condición axiolóxica dos dereitos humanos non se esgota na súa dependencia do concepto xeral de xustiza, senón que se prolonga na determinación do seu contido ligado aos valores da dignidade, a liberdade e a igualdade humanas, sendo tamén preciso o seu recoñecemento positivo nos ordenamentos xurídicos a nivel nacional e internacional (Pérez Luño, 2010, 20-53). De tal xeito que a dignidade da persoa, como ser eticamente libre, é o lévedo que inspira o sistema de dereitos humanos. A liberdade constitúe o principio aglutinador da loita polos dereitos humanos, e a igualdade representa o postulado fundamental da construción teórica e xurídica-positiva dos dereitos sociais. Mais a dignidade humana non pode ser allea á liberdade, en canto que se concreta no desenvolvemento autónomo da personalidade; e a liberdade á súa vez non soamente está vinculada á dignidade, senón que as súas dimensións positiva e comunitaria implican á igualdade; e ao mesmo tempo a igualdade oriéntase cara a dignidade e a liberdade.
Unha fundamentación ética ou axiolóxica dos dereitos humanos os considera como esixencias éticas e dereitos que os seres humanos teñen polo feito de ser persoas, e polo tanto cun dereito igual ao seu recoñecemento, protección e garantía por parte do poder político e o dereito. Os dereitos humanos están a cabalo entre as esixencias éticas e os dereitos positivos. E polo seu significado axiolóxico fan obrigada remisión á dignidade humana, namentres que pola súa dimensión xurídica tales dereitos encarnan a pretensión de incorporarse ao ordenamento xurídico positivo para acadar a auténtica realización (Pérez Luño, 2010, 178-182).
A dignidade humana representa un dos núcleos fundamentais da Declaración universal dos dereitos humanos do ano 1948. O Preámbulo da Declaración proclama que “a liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membro da familia
humana”. E o artigo 1 establece que “[t]odos os homes nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”. Dende este momento, a alusión á dignidade humana é constante nos instrumentos internacionais da ONU en materia de dereitos humanos (cfr.infra, cap.2, apdo.2.1).
A Constitución Española de 1978 proclama o seguinte en relación aos dereitos e deberes fundamentais:
Artigo 10.1. A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais son fundamento da orde política e da paz social.
Deste xeito, a Constitución recoñece no principio de dignidade da persoa un dos piares do sistema axiolóxico que positiviza (Serna, 1999, 139-196).
De igual maneira, o Tratado da Unión Europea, asinado na cidade de Maastricht (Bélxica) o 7 de febreiro de 1992, en vigor dende o 1 de novembro de 1993, nunha versión consolidada do ano 2010, sinala o seguinte:
Artigo 2. A Unión fundaméntase nos valores de respecto da dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de Dereito e respecto dos dereitos humanos, incluídos os dereitos das persoas pertencentes a minorías. Estes valores son comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a non discriminación, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a igualdade entre mulleres e homes.
O texto do Tratado foi obxecto de debate e discutiuse incluso a orde da enumeración dos valores, de maneira que a referencia á dignidade en primeiro lugar é deliberada (Serna, 2005, 13-77).
Posteriormente na Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea, proclamada en Niza o 11 de decembro de 2000, o capítulo I versa tamén sobre a dignidade e componse dos seguintes artigos: dignidade humana, dereito á vida, dereito á integridade da persoa, prohibición da tortura e das penas ou os tratos violentos ou degradantes e pena de morte; así como a prohibición da escravitude, euxénese, clonación humana e do traballo forzado. Concretamente, o primeiro dos artigos recolle o seguinte:
Artigo 1. Dignidade humana
A dignidade humana é inviolable. Será respectada e protexida.
Na intervención social cada persoa é única. A persoa non é un número ou un expediente. A persoa, dende a súa integridade, é valiosa, singular e irrepetible. Abonda
con ser home ou ser muller para ser recoñecido como persoa (Andorno, 1998, 61). E todas as persoas son igualmente dignas, en razón da súa natureza común. A dignidade da persoa eríxese así en principio absoluto que non admite excepción nin substitución, e en canto potencial humano universal fundamenta os dereitos humanos como condición universalmente compartida polos seres humanos. A dignidade de calquera persoa institúe, polo tanto, unha obriga universal de respecto incondicional.
Unha realidade digna implica recoñecela como superior, implicando polo tanto, un trato de respecto (De la Torre, 2008, 13-19). E así, respecto e dignidade son conceptos en estreita relación. O ser humano é digno de maneira innata, pero a dignidade inherente require tamén de recoñecemento social, porque a dignidade ten un elemento relacional ou intersubxectivo. “E o seu respecto reclámase e esíxese ante outras persoas e ante a sociedade. É algo que o suxeito pode demandar. Non é que se requira este recoñecemento social para que exista dignidade, senón que busca recoñecerse para que se respecte e garanta. A dignidade existe aínda que sexa atacada e violada. Ninguén deixa de ser digno” (De la Torre, 2008, 17-18).
Nesta mesma liña, cómpre engadir dúas claves que explican o significado da dignidade humana: “Autonomía e respecto son, pois, as dúas notas que nos axudan a entender en que consiste a dignidade humana. O desenvolvemento de ambas podemos dicir que ten nutrido o conxunto dos dereitos humanos, pois efectivamente todos eles poden ser entendidos como formas de expresar a autonomía da persoa e o respecto que merece” (Camps, 2010, 71).
O devir da historia foi mudando unhas políticas sociais centradas na beneficencia para situar, hoxe en día, ás persoas como portadoras de dereitos sociais. E a filosofía moral moderna pon énfase na autonomía dos individuos, na súa capacidade para formular eleccións independentes. Pero ao fío desta realidade, “(...) que tipo de relación social e que concepción do ben común se require para que dentro dun grupo social se conserven as virtudes da independencia racional e do recoñecemento da dependencia? (…) nin o Estado-nación moderno nin tampouco a familia actual poden proporcionar a clase de asociación social e política que sería necesaria” (MacIntyre, 2001, 23-24). O enfoque das capacidades tamén busca un acordo a efectos políticos prácticos, fuxindo de temas que dividen ás persoas en función das súas doutrinas. Concibindo ademais como labor do goberno garantir que cada cidadán e cidadá se sitúe por riba do mínimo nunha serie de capacidades, respectando a liberdade de cada persoa (cfr.infra, cap.2, apdo.1.6.1). Deste xeito, a comprensión das capacidades como obxectivos políticos
constitúe en si mesma unha expresión de respecto pola diversidade e o pluralismo (Nussbaum, 2012a, 125-137).